Ola familias!
Xa levamos uns días xuntos e todo vai collendo ritmo. Os peques disfrutan cada día máis do seu tempo na escola e os choros son cada vez menos frecuentes e máis suaves. Este venres remataba o período de adaptación e o luns xa comezaremos ás 9.05 da mañá. Veremos que tal nos vai a xornada completa.
Lembrade que este martes 27 ás 17.00 temos unha reuión para tratar temas de interese da nosa aula. Non faltedes!
domingo, 25 de septiembre de 2016
domingo, 4 de septiembre de 2016
CONSELLOS PARA COMEZAR A ESCOLA
Dende o seu nacemento os nosos pequenos e as nosas pequenas enfróntase a novas experiencias. Pouco a pouco van collendo unha bagaxe que lles permite afrontar novas situacións con maior seguridade. A escola é un novo entorno ao que se terán que adaptar.
O período de adaptación é o tempo que transcorre dende que acoden por primeira vez á escola ata o momento en que o fan tranquilos e felices sabendo que están nun entorno seguro e que voltarán a buscalos cando remate a xornada escolar.
Este período atópase regulado pola Consellería de Educación sendo cada centro escolar o que adopta as medidas necesarias para que esta adaptación transcorra do xeito máis natural posible.
Os primeiros días serán os máis difíciles. É probable que choren, se aferren a vós, se escape algún pis e mesmo teñan pesadelos. Tede en conta que é unha situación nova e non entenden porqué deben quedar sós nun lugar descoñecido.
Como adultos podemos facilitar a transición de nenos e nenas do entorno familiar ou da gardería á escola. Aí van algúns consellos:
Actitude positiva
A nosa actitude cara ao inicio da escola debe ser realista e positiva. É un sitio novo onde atoparán amiguiñas e amiguiños cos que xogar e farán cousas que lles gustan como crebacabezas, debuxar ou recortar pero tamén terán que compartir os xoguetes e materiais e agardar o turno para realizar as diferentes tarefas.
Debemos evitar falar do colexio ou mestres como un lugar desagradable ou persoas que rifan e castigan.
Ler algún conto coa temática do primeiro día de escola pode axudalos.
Falar con irmáns maiores, curmáns ou veciños que lle conten a súa experiencia.
Explicarlles que son maiores e xa poden facer máis cousas. Recordar cando se enfrentaron a unha nova experiencia como ao primeiro non foi sinxelo pero deseguida o pasaron ben: a primeira vez na praia, o primeiro viaxe en autobús ou tren... Lembrar os nervios do comezo e saber que non pasa nada pode axudalos a normalizar a situación cando volvan experimentar esas sensacións.
Descanso e alimentación
É moi difícil gozar dunha actividade cando un está canso ou ten fame, de aí a importancia dun bo descanso e dun bo almorzo. Queremos que cheguen á escola cheos de enerxía para que poidan sacar o máximo partido de cada día.
Roupa cómoda
Queremos que gocen da súa estancia na escola por iso precisan estar cómodos para xogar e moverse. Necesitarán ir ao cuarto de baño polo que teñen que poder espirse sen axuda e poder remangarse para lavar as mans. Evitemos que un cinturón ou un botón complicado supoña que se fagan pis diante dos compañeiros.
O calzado sen cordóns (con velcro, elásticos...) axudaranos na prevención de caídas e golpes e permitiralles ser autónomos se teñen que sacar as areas dun zapato. Sentiránse maoires o poder facelo sen axuda.
Puntualidade
É importante erguerse con tempo para non andar a correr e chegar sen présa tendo oportunidade para falar coas outras familias e ir coñecendo aos compañeiros e compañeiras.
Ter un momento para familiarizarse co entorno daralle maior seguiridade e permitiralle expresar os seus sentimentos.
A despedida
Este será o momento máis duro. É difícil para todos. É normal que teñades dúbidas ou medos porque deixades o que máis queredes cunha persoa descoñecida. Por iso é importante que me transmitades as vosas inquedanzas nas diferentes reunións que teñamos para xuntos solucionar todo aquilo que sexa necesario.
É importante non enganalos dicindo que imos comprar o pan ou o xornal porque poden perder confianza. Debemos explicarlles que é o momento de marchar e que á hora da saída estaremos agardándoos.
No caso de que se poñan moi nerviosos non debemos prolongar a despedida pois pode ser contraproducente. Nese momento as emocións embargaranos e non entenderán ningunha explicación. Un bico ou unha aperta para que se sintan queridos pode ser suficiente.
A recollida
Nenos e nenas levan agardando toda a mañá por este momento. Teñen ganas de volver coa sua familia e, ás veces, facelos partícipes do que fixeron na escola.
É moi importante ser puntuais, imaxinade a decepción se todos marchan cos seus pais/nais e o voso pequeno ou pequena queda soíño/a pensando que non virán recollelo/a.
Debemos actuar con normalidade como cando os imos buscar cando quedan con outra persoa habitual pois isto axudaralles a ir aceptando a nova situación.
Sería interesante non marchar correndo e permitirlles despedirse dos compañeiros.
Podemos preguntarlles que fixeron ou como o pasaron pero sen bombardealos con preguntas.
O que non debemos facer é premialos ou comprarlles un agasallo por ir á escola.
En ocasións, nenos/as que parece quedaban contentos no colexio enfádanse ao chegar os seus pais/nais. É algo normal e non quere dicir que non vos quixeran ver, simplemente pasaron por unha situación complicada para eles e exprésanse como poden coa primeira persoa de confianza que atopan. Igualmente poden estar máis irritables ou ter máis enfados do habitual.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)